Faros de Galicia e Memoria Histórica
Cabo Vilán. Lic CC BY SA 2.0 por Ignorant WalkingNégome a que me poñan límites. Négome a que me adoutrinen. Négome a ser instrumento conxuntural. Négome a que me confundan cambiando o accesorio polo fundamental. Négome a que a política usurpe o espazo do patrimonio social, cultural, ecolóxico e costumista. Reivindico o meu dereito humano a ser para decidir. A que paisaxe e veciñanza formen parte da miña identidade como pobo e comunidade que se comunica coa natureza da que procedo e onde quero seguir vivindo.
Estas impoñentes catedrais dun mar de cultura comezaron sendo emprazamento de fachos e vixías. E aos poucos, integrándose na paisaxe galaica costeira, pero sen esquecernos das súas funcións para a navegación, que no século XIX estivo infestada de traxedias entre a morte e aqueles raqueiros que fixeron do perigo unha fonte de riqueza. Ata que o Almirantazgo Británico obriga ao reino de España a elaborar o Plan Nacional de Iluminación Marítima -1847- do que se desprenden fermosos edificios de sinais e vivendas, constituíndo toda unha arquitectura costeira e sendo o primeiro o de Estaca de Bares.
Pero quedariamos curtos co relato historicista. Hai que memorizar como era a vida e o traballo nos faros. Eses técnicos-funcionarios-vixías que coas súas familias deron vida á paraxe e garda permanente aos nosos portos. Formáronse baixo a autoridade científica dos mellores enxeñeiros, creándose unha Escola de prácticas en 1850 en Alcobendas onde aprenden a ser quen mantén o servizo pero tamén as manobras precisas para a navegación costeira nocturna.
Se me piden que sinale algún destes monumentos marítimos, quedo con dous. O cíclope de Camariñas denominado Cabo Vilán, e esa obra mestra de César Portela en Punta Nariga preto de «a vila da vida na Costa da Morte-Malpica». Onde conflúen todos os granitos que existen en Galicia e refire un buque atracado cun mascarón de proa, que vista desde terra é un paxaro e vista desde a beira da mar é un humanoide. E é que aos faros hai que velos desde os ceos, desde a mar e desde terra.
Polo devandito, son devoto dos faros. O seu emprazamento. A súa historia. A súa conivencia con ceo, mar e terra, fainos catedrais da paisaxe. Lugar irrenunciable para a humanidade. E é que pertencen a tal. Os poderes públicos que se apuntan a súa propiedade non só non son dignos de confianza, é que tan só lles corresponde administrar o que nos pertence a todos. De aí os movementos cidadáns que non queren que Illa Pancha sexa un hotel máis para turistas. E é que a sociedade crítica e pensante debe máis pronto que tarde diferenciar viaxeiro de turista. Os primeiros son ben vindos, como o foi Ruth Matilda Anderson ou George Borrow. Viñeron á nosa Galicia e desde a admiración e o respecto deron fe coa súa obra para o noso orgullo.
#IllaPancha #sociedade